TÍTULO: V CONGRESO INTERNACIONAL E FEADEF >>SUMARIO>>
 
Coincidindo co V Congreso Internacional celebrado en Valladolid tiveron lugar reunións de representantes das distintas asociacións que forman FEADEF (o que chamamos xunta directiva) e unha asamblea xeral extraordinaria e outra asamblea xeral ordinaria, nas que as asociacións teñen un número determinado de representantes en función do seu número de persoas asociadas. Ter en conta que en FEADEF os acordos da xunta directiva teñen que ser ratificados en asamblea, sendo esta extraordinaria ou ordinaria en función dos temas a tratar, tal e como se contempla nos estatutos. Aspectos relevantes dos tratados compre salientar os seguintes:

Como resultado do acordo de colaboración coa editorial Gymnos están en marcha 5 cursos de formación a distancia, modalidade de formación que se está a potenciar dende o MEC. Si os inscritos son socios dalgunha das asociacións que forman FEADEF, parte da matrícula repercutirá en FEADEF e na propia asociación.

O Plan de Formación de FEADEF para o 2003 presentado no MEC foi aprobado o 16 de xullo. A data para remitir ó encargado de formación de FEADEF as actividades de formación para o plan do 2004 remata o 15 de novembro deste ano.

A revista RETOS foi tema de debate. Recoñeceuse que é demasiado técnica, alonxada das situacións prácticas pero tamén se recalcou que en parte isto débese a falla de aportación de artigos feitos por mestres, así que ánimo.

Produciuse unha renovación na Xunta Directiva, cesando no cargo de Secretario o representante de AMEFEX Extremadura e ocupando o seu lugar o representante de AMEFCO de Córdoba. Así mesmo faranse cargo da Vocalía da Páxina Web os representantes de AGDEF de Cádiz. En canto a Vicepresidencia e a Vocalía da Revista, renovanse no seu cargo ADEF Cantabria e APAF Zamora respectivamente.

Unha comisión creada ó efecto, presentou unha proposta de modificación dos estatutos, que foi aprobada e ratificada en asamblea xeral extraordinaria

Informouse de que o ano 2004 será o ano europeo da educación a través do deporte, aspecto que nos toca ou cando menos roza.

O presidente no seu informe explicou o proxecto de renovación nas titulacións universitarias a nivel europeo. Preténdese a carreira de 4 anos, con dúas únicas opcións (primaria e infantil). As especialidades tal e como as coñecemos obteríanse a partir de masters.

Propúxose a expulsión cautelar de tres asociacións por incumplir os compromisos con FEADEF, ás que se lles remitirá un escrito convidandoas a solucionar a situación, decisión ratificada en asamblea. Tamén se imformou da situación doutras comunidades onde parece haber interés por formar asociacións para entrar en FEADEF.

Os congresos organizados por FEADEF terán lugar nos anos impares (o próximo organizarase en Andalucia, en principio en Córdoba), e en anos pares haberá congresos organizados por organismos e asociacións alleos a FEADEF, tales como as facultades de educación, nos que FEADEF colaborará.

Aprobouse o Regulamento de Réxime Interno de FEADEF que se pode consultar en feadef.org, xunto cos estatutos

En definitiva, FEADEF está a consolidarse, medrando en canto a asociados, que xa son máis de dous mil, pero sobre todo en presencia nos sectores relacionados co ensino, coa Educación Física e co deporte. As distintas asociacións foron recibidas no Concello de Valladolid e nas Cortes de Castela León. Tamén cabe reseñar que unha representación de ADEF Cantabria acompañada dalgún membro máis de FEADEF foi recibida na Zarzuela polo S.A.R. D. Felipe de Borbón e Grecia o pasado mes de xuño.

Creo que, pouco a pouco pero con paso firme FEADEF é cada vez máis unha realidade, un referente no eido do ensino da educación física, a pesar de que certamente lle quede moito camiño por andar, moitas cousas que correxir, pero compre lembrar que os seus logros e fracasos tamén son nosos, xa que FEADEF non é unha xunta directiva, somos as asociacións a través do noso representante, quen trasladará as nosas ideas e inquietudes a esas xuntanzas.

AUTOR: Manolo Rico Grijó

 AGADEF. Asociación Galega de Docentes de Educación Física.