TÍTULO: PSICOLOXÍA DO ESFORZO E ACTIVIDADE FÍSICA >>SUMARIO>>
 
Lembro que cando fixen o curso de mestre especialista en Educación Física, impresionárame o termo de “agonístico” considerado como unha das características inherentes á práctica físico-deportiva sistemática. Logo, entereime de que non se trataba de que a actividade física fose unha agonía, nin sequera de que houbese que levala ata un estado pre-agónico. Tratábase máis ben, de referirse ó aspecto costoso, de esforzo, que a práctica deportiva sistemática conleva.

Quixera sinalar, que aínda hoxe me parece unha palabra desafortunada, que sen embargo encerra unha verdade que non debemos despreciar.

Dito esto, gostaríame referirme ó papel que o tándem esforzo – sacrificio, pode ocupar na práctica motriz ...e mesmo noutras actividades non específicamente motrices.

Creo que estaremos dacordo en que son significantes que non teñen boa prensa educativa, nin mesmo aceptación social. Dito doutro xeito, non son hoxe en día ideais sociais, que supoñan un intermedio a percorrer para conquistar un dominio motriz, unha excelencia na práctica dun deporte ou mesmo un saber, si falamos doutros campos educativos. Máis ben hoxe o esforzo (non gratuito, senón ó servicio da consecución dun saber facer específico) ten parasitada a súa parcela por “intrusos” como éxito rápido, satisfacción inmediata ou famoseo (non confundir co prestixio ou fama que a excelencia nunha práctica pode proporcionar).

Preténdese que todo o escolar pase polo lúdico, escamoteando o esforzo personal que toda aprendizaxe, motriz ou non, conleva. Non se trata de colocar o esforzo como único soporte da aprendizaxe, pero tampouco de ocultar a súa necesidade, de xeito que semellaría que o paso da inactividade ó dominio motriz se produce sen ningunha implicación do suxeito en cuestión. Escamotear a presencia deste esforzo intermediario, é reducir ó alumno a unha posición casi de obxecto, xa que non se apela á súa responsabilidade, non entendida como culpabilidade, senón o tipo de resposta que un cativo da a unha proposta que se lle fai. É necesario que ese alumno se implique (responda) e polo tanto se faga suxeito responsable da súa resposta, que, de ser positiva á proposta que se lle fai, discurrirá por un camiño de máis ou menos esforzo. Esforzo este que non estará do lado do sufrimento inútil, senón máis ben da satisfacción , aínda que poda ser unha satisfacción mediata e mediatizada por un percorrido máis ou menos costoso.

Aínda que esta poda ser unha perspectiva estructural, non necesariamente será xeneralizable, é decir, non funciona en tódolos casos, xa que precisa dunha resposta infantil, ó interés que o mestre trata de transmitirlle.

¿Algunha vez vos vístedes metidos nunha conversa, na que tratábades de explicarlle a alguén que desprecia a actividade física, o moito que se pode disfrutar, nas vacacións, facendo unha marcha de cinco ou seis horas polos Pirineos? Resulta casi imposible transmitir, nestas circunstancias, que o disfrute no percorrido e a satisfacción ó fin da xornada, é moi superior ó cansancio que supón o desnivel da montaña.
AUTOR: José Gómez García

 AGADEF. Asociación Galega de Docentes de Educación Física.