TÍTULO:"Semana branca" en Andorra  >>SUMARIO>>
 
Un dos retos actuais da Educación Física (tendencia común ao longo da súa historia, sobre todo dende a "Escola francesa") é a de ampliar os espacios da actividade física máis aló dos lindes do ximnasio e do centro, á procura de novos estímulos que permitan unha formación máis rica e integral do alumnado.

Nesta liña, no C.E.I.P. Raíña Fabiola (Santiago) desenvolvemos anualmente o que no conxunto do Estado vense denominando como "semana branca", cos alumnos do último curso de Primaria; que posibilita unha oportunidade excepcional para realizar actividades educativas que favorezan as áreas intelectual, social, afectiva e motriz dos alumnos.

Por segundo ano consecutivo, o destino escollido é a estación de Pal (Andorra), por mor das súas idóneas prestacións para a práctica do esquí e pola súa especialización en grupos de escolares, con monitores e persoal formado para dito público. Desestimáronse posibilidades máis achegadas por non ofreceren garantías de dispor de neve en bo estado e polas vivencias que unha grande viaxe ao extranxeiro posibilita para os alumnos/as.

Como explicitamos anteriormente, a semana branca pretende ser unha actividade global e interdisciplinar, e desta forma as súas tres fases de realización están deseñadas e postas en práctica de forma cooperativa entre titores e especialistas, tentando abarcar o maior número de áreas posibles, ademais de ter gran presencia de temas transversais.

Deste xeito, plantexouse na Programación Anual, aprobada no Consello Escolar e con explícito e recoñecido apoio da A.N.P.A., a saída de Andorra como unha actividade lectiva máis; e para o seu mellor aproveitamento elaborouse unha Unidade Didáctica, cos seus obxectivos, contidos e actividades. Todo elo secuenciado nas seguintes fases:

A. Fase previa.

Nesta fase, desenvolvida as dúas semanas anteriores á partida, conviven as sesións de traballo curricular "ordinario" con sesións de traballo adicado á preparación da viaxe, para a cal os alumnos dispoñen dunha libreta, na cal van recoller toda a información traballada, a modo de libro de viaxe.

Así, titor e especialistas poden traballar os contidos propios do Terceiro Ciclo aplicados á realidade de Andorra e do esquí, facendo fincapé na formación nas técnicas de búsqueda de información. Deste xeito, por equipos, os alumnos dispoñen dunha serie de horas para a búsqueda guiada de documentación en internet, biblioteca, correspondencia, xornais... Dita información é recopilada, compartida, interpretada e integrada no caderno de viaxe, que ten como apartados fundamentais os seguintes:

"Preparando unha viaxe".
Xeografía de Andorra.
Natureza de Andorra.
Historia de Andorra.
Política e economía.
Cultura e patrimonio.
Andorra es os deportes de inverno. Estudio do esquí.
Bibliografía e enlaces de internet.

Esta fase de traballo preséntase de forma moi intuitiva, a modo de preguntas que os alumnos/as enchen de contidos guiados de forma activa polo mestre, que encauza as propostas do alumnado sobre aquelas informacións necesarias para coñecer a realidade dun país que queremos coñecer, primeiro no centro e despois "in situ". Co material aportado por cada grupo como resposta ás diversas preguntas, faise unha posta en común e un mapa conceptual, que despois se redactará na libreta en forma de texto e documentación gráfica. É un traballo que, xunto coa información sobre Andorra, pon a énfase na reflexión metacognitiva, no descubremento por parte dos alumnos dos mecanismos e procesos que lle permiten atopar, seleccionar e comprender a información. A súa transferencialidade permite, por exemplo, traballar Matemáticas con exemplos aplicados ao país pirenaico, moi motivantes para os alumnos/as; como gráficas pluviomátricas, mapas coas súas escalas, datos de altitude e curvas de nivel, capacidades de pistas...

Este traballo conceptual e precedimental énchese de contido ético a través de temas transversais como o respeto pola diversidade cultural, a educación para a convivencia ou, moi especialemente, a educación ambiental.

Polo que á Educación Física se refire, a Unidade Didáctica de Andorra tiña tres obxectivos básicos fundamentais nesta etapa previa:

Desenvolver a coordinación dinámica xeral.
Desenvolver o equilibrio dinámico.
Estimular a curiodidade por novas formas de desprazamentos.

Para desenvolver estes obxectivos plantexáronse unha serie de contidos conceptuais, procedimentais e actitudinais propios e con forte relación co DCB de Primaria, no marco dunha formación global e interdisciplinar.

A realización das actividades, como todo o proxecto, precisou da colaboración dos pais/nais, que cederon material de esquí que os alumnos probaron e coñeceron antes da propia viaxe.


B. Estancia en Andorra.

A estancia en Andorra abarcou un período de 7 días, dos cais 5 (de luns a venres), centraron as actividades propiamente de esquí, que se desenvolveron en horario de 10:00 a 17:00. Neste horario as actividades foron as seguintes:

10 a 12 horas. Chegada a Pal, preparación da xornada; actividades de quecemento, revisión e colocación do material (moi importante nunha saída deste tipo, e factor de seguridade importante). Repaso da técnica aprendida na xornada anterior, xeralmente en gran grupo.
12 a 14 horas. Curso de esquí cos monitores de Pal; en grupos de 10 alumnos/as.
14 a 15 horas. Xantar e descanso.
15 a 17 horas. Práctica libre de esquí en grupos non menores a 5 alumnos/as. Nesta franxa horaria os alumnos/as van gañando área de esquí na estación segundo demostren a súa evolución na técnica e o dominio da orientación nas pistas co mapa da estación, traballado previamente na aula.

A xornada de esquí completábase diariamente cunha visita a diversos monumentos e lugares de interés de Andorra, así como un horario de paseo por Escaldes e Andorra la Vella.

Dous días os alumnos desenvolveron actividades en horario de tarde-noite; como foron unha sesión de patinaxe sobre xeo en Canillo e dúas horas nas piscinas do centro termo-lúdico de Caldea.

Así mesmo, e xa no hotel, os alumnos/as dispoñían de media hora para tomar notas no seu caderno de campo sobre o sucedido na xornada; tanto no esquí como no resto de actividades, co obxecto de prover de información ao diario que elaboraron no regreso.


C. Fase de integración e reflexión.

Unha vez regresado ao colexio, os alumnos recopilaron toda a información recollida en Andorra (notas de campo, material gráfico, fotografías...); co obxecto de elaborar un diario na mesma libreta na que fixeran o seu "libro de viaxe" na fase previa á partida. Dito diario foi lido polos docentes co obxecto de avaliar a asimilación e comprensión de información por parte dos alumnos/as, así como a súa valoración final da actividade; valoración sempre óptima e que se explicta nun desexo xeral de repetir actividades de esquí no futuro.

Con todo o material, levouse a cabo unha exposición na entrada do colexio na cal se amosaban as actividades desenvolvidas e que foi moi ben valorada por toda a comunidade educativa.

Polo que aos docentes participantes se refire, a valoración é tamén óptima a todos os niveis, destacando as grandes posibilidades que ofrece aos alumnos para relacionarse de forma máis persoal e motivante entre si, cos mestres/as e cos contidos académicos.

Polo que a Educación Física se refire, a valoración da actividade é tamén excepcional. Posibilita a práctica de novas formas motrices, prácticas de orientación, heteroeducación, etc., nun entorno natural moi motivante.
AUTOR: Francisco Yáñez Calviño.  Santiago de Compostela.

 AGADEF. Asociación Galega de Docentes de Educación Física.